Unha vida dedicada aos intereses do seu país

Unha vida dedicada aos intereses do seu país

Alfredo Pérez Rubalcaba naceu en Solares (Cantabria) en 1951, fillo de Alfredo Pérez e María Dolores Rubalcaba. Madrileño de adopción, estudou no Colexio do Pilar e na Facultade de Químicas da Universidade Complutense, onde se doutorou en 1978 con premio extraordinario, cunha tese sobre estereoselectividade en reaccións orgánicas. Casou en 1979 con Pilar Goya, a quen coñeceu na universidade.

Universidade, atletismo e primeiros pasos políticos

Compaxinou axiña as tres actividades que serían as súas grandes paixóns: a docencia da Química, a política e a práctica do atletismo. En 1974 iniciou a súa carreira docente como profesor de Química orgánica e a actividade investigadora, que completou nas universidades de Constanza (Alemaña) e Montpellier (Francia). Coa mesma dedicación meticulosa con que desenvolveu o seu labor na universidade, practicou o atletismo na modalidade de velocidade. Inda que unha precoz lesión lle impediu seguir adiante, en 1971 conseguiu correr os 100 metros en 10,9 segundos, e un ano despois os 200 metros en 22,4 segundos, unhas marcas máis ca notábeis para un deportista universitario e das cales sempre se mostrou moi orgulloso. Durante toda a súa vida mantería a súa afección polo deporte, en especial polo atletismo e polo fútbol; o seu espírito analítico e racional conviviu cunha paixón nunca oculta polo Real Madrid.

Consegue correr os 100 metros en 10,9 segundos, unha marca máis ca notable para un deportista universitario

En 1974, comezou tamén coa súa actividade política, dentro e fóra da universidade. No ámbito académico axiña se tornou un referente do movemento dos Profesores Non Numerarios (PNN), que loitaban polos dereitos laborais deste colectivo, avogaban pola autonomía universitaria e participaban nas demandas de democracia e liberdade de toda a sociedade. Ese mesmo ano afiliouse ao PSOE, onde participou nas comisións sectoriais de Ensino e Investigación.

Unha figura decisiva para a educación

A Transición é un período de intensa actividade para Alfredo Pérez Rubalcaba, que lle outorgou unha gran relevancia nos sectores máis mobilizados da universidade. Como consecuencia disto, logo das eleccións de outubro de 1982, a súa vida virou decisivamente ao aceptar o convite do ministro de Educación e Ciencia do novo Goberno socialista, José María Maravall, para deixar a docencia e se integrar na Administración. Así comeza unha traxectoria ininterrompida de máis de dez anos neste departamento, que lle achegou un profundo coñecemento do mundo educativo.

O seu primeiro destino no Ministerio de Educación e Ciencia foi o de director de gabinete da Secretaria de Estado de Universidades e Investigación, Carmina Virgili. Neste posto permaneceu desde 1982 ata 1985, ano en que é nomeado director xeral de Ensino universitario. Ao ano seguinte, pasou a ser secretario xeral de Educación, cargo que en 1988 é elevado á categoría de Secretaría de Estado. Mantívose nel os seguintes catro anos, xa con Javier Solana como ministro, ata que en 1992 o substituíu cando este pasou a dirixir a carteira de Exteriores.

Os intensos anos no Ministerio de Educación foron esenciais na traxectoria política de Alfredo Pérez Rubalcaba. Dunha banda, desempeñou un papel moi importante no desenvolvemento das reformas educativas levadas a cabo polo Goberno socialista e no xurdimento de normas de gran transcendencia, como a Lei de Reforma Universitaria (LRU) en 1983, a Lei de Fomento e Coordinación Xeral da Investigación Científica e Técnica (Lei da Ciencia) en 1986 e, especialmente, a Lei Orgánica de Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE) en 1990. Por outra banda, a necesidade de xestionar numerosos conflitos no sector levouno a desenvolver unhas habilidades para a negociación e o diálogo que serían claves en momentos posteriores.

Desenvolveu un papel moi importante no desenvolvemento da Lei de reforma universitaria, a Lei da ciencia e a LOXSE

A LOXSE foi a primeira e máis importante lei educativa da historia da democracia española. Adaptou o modelo de ensino aos principios da Constitución e asumiu a realidade do Estado autonómico. Así mesmo, creou unha etapa de Educación Secundaria Obrigatoria dos 12 aos 16 anos. A LOXSE introduciu o concepto de atención á diversidade e regulou a educación especial para o alumnado con necesidades especiais, e abriu os centros educativos á participación das nais e dos pais.

A principal parte das negociacións coa comunidade educativa, primeiro, e despois no Parlamento, correu a cargo de Rubalcaba, que xa tivera ocasión de desenvolver as súas capacidades negociadoras por causa da folga de profesores do ensino público de 1988, cando ocupou o cargo de secretario xeral de Educación.

Voceiro de Goberno en tempos complexos

A súa traxectoria no Ministerio de Educación e Ciencia culminou en xuño de 1992 cando é nomeado ministro por Felipe González. Nese posto permaneceu doce meses, pois en xullo do ano seguinte, coa remodelación do Goberno que se produciu logo das eleccións xerais, pasou á carteira de Presidencia e de Relacións coas Cortes. O encargo tamén incluíu ser voceiro do Goberno nunha época extraordinariamente complexa. Como responsable da comunicación do Executivo, Alfredo Pérez Rubalcaba tivo que encarar, perante a opinión pública, o malestar social causado por casos de corrupción que lle afectaron ao PSOE, como o de Filesa, escándalos como o de Luis Roldán, ou a actuación dos GAL.

O 6 de xuño de 1993 electo deputado por Toledo e comezou un período de dúas décadas e seis lexislaturas de permanencia ininterrompida no Congreso dos Deputados

Nas eleccións lexislativas do 6 de xuño de 1993, foi electo deputado por Toledo e comezou un período de dúas décadas e seis lexislaturas de permanencia ininterrompida no Congreso dos Deputados. Nas eleccións de 1996, que concluíron coa vitoria do Partido Popular, é electo deputado por Madrid. No ano 2000 repetiu no seu posto de deputado por Madrid, que renovou por Cantabria no ano 2004, por Cádiz no ano 2008, e no ano 2011, como cabeza de lista por Madrid e candidato á Presidencia do Goberno.

Responsabilidade contra o terrorismo

Por causa da dimisión de Felipe González como secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba asumiu por primeira vez responsabilidades no partido, en concreto, fíxose cargo da Secretaría de Relacións cos Medios de Comunicación, na nova Comisión executiva que liderou Joaquín Almunia despois do XXXIV Congreso Federal de xuño de 1997. Logo dos resultados das eleccións de marzo do ano 2000, nas cales o Partido Popular obtivo a maioría absoluta, Almunia dimitiu do seu cargo á fronte do PSOE e convocouse un novo Congreso Federal, no cal resultaría electo José Luis Rodríguez Zapatero. A pesar de que Rubalcaba apoiara outro candidato, José Bono, axiña pasou a formar parte do equipo do novo Secretario Xeral socialista.

A campaña das eleccións do ano 2000 estivo marcada polo final da tregua que a banda terrorista ETA declarara unilateralmente o 16 de setembro de 1998, e os asasinatos do voceiro do Partido Socialista de Euskadi, Fernando Buesa e a súa escolta, apenas tres días antes do comezo da campaña. A intensificación dos atentados da ETA, que só no ano 2000 asasinou 23 persoas, propiciaron que os dous principais partidos atinxiran en decembro dese ano o Acordo polas liberdades e contra o terrorismo, coñecido tamén como o Pacto Antiterrorista. O acordo foi proposto por José Luis Rodríguez Zapatero, e na súa elaboración Alfredo Pérez Rubalcaba desempeñou un papel moi importante. O principio que o inspirou, é dicir, que a unidade de todos os demócratas é esencial na loita contra o terrorismo, marcaría a súa etapa posterior como ministro do Interior.

O principio de unidade dos demócratas contra o terrorismo marcou a súa etapa como ministro de Interior

O 11 de marzo de 2004, tres días antes das eleccións xerais, unha serie de atentados perpetrados en Madrid por terroristas xihadistas ocasionaron 193 mortos. Alfredo Pérez Rubalcaba, como voceiro do PSOE, nunha comparecencia perante os medios de comunicación esixiulle ao Goberno de José María Aznar que achegase información fidedigna acerca dos datos que as forzas de seguridade do Estado dispuñan sobre os autores da masacre, dado que, contra as probas policiais que apuntaban ao terrorismo xihadista, o Goberno mantiña en público a tese da autoría da ETA.

Ministro de Interior: a fin de ETA

Logo da vitoria do PSOE nas eleccións do 14 de marzo de 2004, Rubalcaba pasou a ser voceiro do Grupo Socialista do Congreso dos Deputados. Dous anos despois, o 11 de abril de 2006, entraría no Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero como Ministro do Interior. Nos máis de cinco anos que permaneceu á fronte desta carteira, tivo que encarar a crise da folga de transportistas por estrada de 2008 e o accidente do avión de Spanair en Madrid, o 20 de agosto dese mesmo ano. Tamén, nesa etapa dirixiu a estratexia contra o terrorismo de natureza islamista e impulsou un notable incremento de efectivos das forzas e corpos de seguridade do Estado.

Dous ámbitos destacan no labor de Rubalcaba á fronte do Ministerio de Interior: as políticas de seguridade vial e a loita contra a banda terrorista ETA. En materia de tráfico, medidas como a instauración do carné por puntos, a reforma do Código Penal para endurecer as penas ou o incremento no número de radares traducíronse nunha gran redución do número de vítimas anuais por accidentes de estrada, que pasaron de máis de 3200 mortos en 2005 a menos de 1500 en 2011.

Porén, e sen dúbida, o cesamento definitivo da actividade armada da ETA foi un dos grandes fitos de toda a traxectoria política de Alfredo Pérez Rubalcaba. Unha das claves da súa política foi a de manter a presión policial sobre os terroristas e asemade mandaba unha mensaxe clara de firmeza democrática á contorna política que lexitimaba a violencia; un principio que el mesmo resumiu así: «Ou bombas ou votos».

O cesamento definitivo da actividade armada da ETA foi un dos grandes fitos de toda a traxectoria política de Alfredo Pérez Rubalcaba

O anuncio do cesamento das accións armadas por parte da ETA produciuse o 20 de outubro de 2011, cando Rubalcaba xa saíra do Goberno para encabezar a candidatura socialista nas eleccións de novembro dese ano. Coa vitoria dos demócratas, concluían cinco décadas de terror que causaran millares de vítimas e máis de 800 mortos.

Antes disto, entre outubro de 2010 e xullo de 2011, asumiu a Vicepresidencia Primeira do Goberno e o posto de voceiro, e mantivo a carteira de Interior.

Da oposición á docencia

Nas eleccións xerais do 20 de novembro de 2011, o PSOE obtivo 110 escanos e Rubalcaba pasou a ser o líder da oposición. Pouco despois, no 38 Congreso Federal socialista foi electo secretario xeral do partido. Dous eixos vertebraron o seu labor de oposición neste período: o rexeitamento ás medidas antisociais, especialmente a reforma laboral, emprendidas polo Goberno de Mariano Rajoy, por unha banda, e, pola outra, a denuncia dos graves casos de corrupción que afectaban o Partido Popular, como o da trama Gürtel. Xunto a isto, conseguiu atinxir un consenso interno sobre a necesidade de reformar o Estado autonómico. O acordo, subscrito en Granada en xullo de 2013 polo Consello Territorial do PSOE, ofrecía unha resposta ao desafío soberanista e propuña unha reforma da Constitución nun sentido federal.

O Acordo de Granada ofrecía unha resposta ao desafío soberanista e propuña unha reforma federal da Constitución

Por mor dos malos resultados obtidos polo PSOE nas eleccións europeas do 25 de maio de 2014, Rubalcaba anunciou a súa decisión de convocar un congreso extraordinario do partido para nel escoller un novo secretario xeral. Informado sobre a inminente abdicación do rei Xoán Carlos I, adiou dous meses o anuncio formal da súa dimisión para non interferir no proceso de sucesión na Coroa.

Tras a súa saída da política, volveu á docencia ao se reintegrar na súa praza de profesor titular de Química orgánica na Universidade Complutense de Madrid. Porén, non abandonou completamente a vida pública; formou parte do Consello Editorial do diario El País, e participou en foros, conferencias e debates.

Pola súa capela ardente pasaron milleiros de cidadáns e representantes institucionais e políticos

O 10 de maio de 2019 faleceu no Hospital Puerta de Hierro de Madrid como consecuencia dun ictus. Ao día seguinte, o Congreso dos Deputados acolleu a capela ardente pola que pasaron millares de cidadáns e representantes de institucións e partidos políticos. No momento da despedida, houbo unha práctica unanimidade ao recoñecer que Alfredo Pérez Rubalcaba foi un home de Estado e un dos políticos máis importantes da historia da democracia española.